A industria conserveira é un dos sectores máis puxantes da economía galega. Na nosa comunidade aséntanse o 50% das empresas españolas deste sector. A súa importancia, atendendo ao tamaño das empresas, aínda é maior: o 80% dos traballadores encóntrase no noso territorio.

A calidade do produto é decisiva neste campo e os nosos mares ofrecen unha materia prima excepcional.

A provincia coruñesa conta cun espléndido catálogo de empresas conserveiras, varias delas cunha bagaxe de máis dun século de experiencia, pero tamén conta con outras de recente creación dedicadas a abrir camiño con produtos innovadores, como as algas ou a orella de mar.

Visitar estas empresas, descubrir os vestixios desta historia, sorprenderse cos museos que son a memoria dunha tradición, achegarse a espazos naturais extraordinarios ou pasear en lanchas é todo o que este proxecto pon nas vosas mans.